O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe, no compostelán Parque de Bonaval, as candidaturas dos socialistas galegos ás próximas eleccións autonómicas do 25 de setembro. Sinalou que os integrantes das listas socialistas constitúen o “instrumento para o cambio en Galicia”.


Fernández Leiceaga dirixiu a presentación de hoxe, na que os candidatos e candidatas luciron unha rosa en representación da “sociedade máis igualitaria e progresista que queremos” e un lazo azul para subliñar “o noso compromiso con Galicia”.


Subliñou que unha vez rematado o proceso de configuración das candidaturas, as listas “son de todos e de todas, non de ninguén en particular, nin sequera miñas como candidato, senón de todo o PSdeG, e son o novo instrumento chamado a dar un novo impulso a Galicia e combater a parálise que representa o PP e ás súas políticas de recortes que atentan gravemente contra os dereitos básicos, a educación e a sanidade”.


POLÉMICA EN VIGO E OURENSE


Onte o alcalde de Vigo expresou a súa opinión crítica sobre a configuración das listas do partido despois dos retoques de Ferraz, que di “relegan Vigo a un segundo plano” ao haber unicamente un vigués nos primeiros cinco postos de saída. Unha opinión que Leiceaga dixo respetar, pero non compartir, ó considerar que as listas son "representativas" do conxunto de Galicia, tamén de Vigo".


Por outro lado, María Quintas non quixo comparecer na presentación dunhas listas nas que está en quinta posición por decisión do aparato estatal, cando a militancia ourensana a situara en terceiro posto, segundo informa Galicia Confidencial na súa web. 

POWERED BY BIGPRESS