Este xoves de agosto os grandes diarios de papel amencían repartindo paus aos cabezas de lista dos tres grandes partidos pola máis que probable convocatoria dunhas terceiras eleccións xerais. Apelaban ao cansazo dun electorado farto de tanto tacticismo partidista que deixou o país nunha situación política de vergoña. Aquí no noso diario viñémolo machucando desde hai varias semanas e mesmo chegamos mais lonxe ao esixir a eses líderes que, de se producir tales eleccións, deixen de ser cabeza de lista das súas respectivas formacións pola súa manifesta incompetencia para pactar un goberno de emerxencia.
Algo debeu pasar que Rajoy anunciou data de investidura para o 31 de Agosto e despois de anunciarnos Albert Rivera que o seu interlocutor popular aceptara as súas condicións para dicirlle si ao que el chamou "pacto contra a corrupción" o PSOE insiste no seu NON e todo se encamiña a unha segunda sesión ou eleccións que serían o 25 de Decembro! porque esa é a última ocorrencia do presidente do Goberno en funcións. No medio, eleccións en Euskadi e Galicia, que non son un chiste, senón dúas moi importantes convocatorias para a estabilidade do Estado.
Polo que se ve, Don Mariano non estudou a posibilidade de que se el non se presenta e deixa que o faga outra persoa do seu partido teñamos goberno. Enrocouse en que a xente o votou a el, algo moi discutible, xa que o votante podería votar partido popular e non Mariano e con esa teima de cacique de Pontevedra, quérenos levar ao Nadal mais vergoñento da nosa breve historia en Democracia. O inaudito está a converterse en realidade virtual. E se a Presidenta andaluza que non abre a boca por temor a perder o seu feudo, non di "ná de ná" a Pedro Sanchez ímolo ter que seguir contemplando durante moito tempo como o Gran Tancredo da política española. Ver para crer.