O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) pediu á Consellería do Medio Rural unha partida de axudas "de mínimos" para aquelas explotacións vitivinícolas con perdas superiores ao 30 por cento na recolección tanto por inclemencias meteorolóxicas --como a saraiba que afectou o concello de Sober--, coma pola praga de mildiu.
O sindicato explicou, así mesmo, que a caída da rendibilidade das explotacións, así como os "recortes do Ministerio de Agricultura nos fondos de Enesa", provocaron que "moitos produtores" non puidesen contratar seguros agrarios para paliar estas situacións.
Desta maneira, o sindicato pediu a remisión das cotas da Seguridade Social durante os meses necesarios para "equilibrar minimamente as contas".
BAIXAS GANANCIAS
Unións Agrarias recordou que leva "meses" reclamando ao Goberno galego a convocatoria da Mesa do Viño para fixar "unha folla de ruta" para o sector vitivinícola de Galicia e unha "negociación seria" do prezo da uva para a próxima vendima.
"Ao ser un produto perecedoiro, esperar á vendima é meter presión aos viticultores, que acabarán por aceptar o prezo que queiran as adegas para poder vender", expuxo a entidade.
DANOS CUANTIOSOS
Os primeiros cálculos cifran nunhas 50 hectáreas a área máis damnificada, o que supón uns 400.000 quilos de uva, cun valor duns 500.000 euros. Os viticultores consideran que o próximo ano só se podera recuperar ao redor dun terzo da produción actual.