Os postos de primeiros auxilios son necesarios nas praias ou en calquera lugar que reúna multitudes, pero en ocasións non poden resolver urxencias sanitarias cando a situación supera a súa capacidade ou as súas competencias.

É o caso o Parque Nacional das Illas Atlánticas, segundo denuncia a asociación de médicos interinos ASMIG, que atopa carencias graves na atención sanitaria das illas Cíes, Ons e Sálvora.

Segundo informa nun comunicado, ASMIG vén de presentar presentar á Consellería de Medio Ambiente unha solicitude para que se dote de servizo médico permanente ás tres illas atlánticas que compoñen o Parque Nacional. A asociación "puido constatar que os mínimos servizos de primeiros auxilios que se veñen prestando tampouco cobren as 24 horas", afirman.

Na actualidade, as illas contan con postos atendidos por socorristas e enfermeiras mediante un convenio con Cruz Vermella, que "deben desenvolver o seu labor en circunstancias precarias", valora a asociación.

Para ASMIG, o "illamento do arquipélago" e a "vulnerabilidade de certos colectivos, como nenos pequenos ou anciáns", fan "absolutamente necesaria" a dotación de médicos de urxencias con horario ininterrompido durante polo menos o período xuño-setembro.

Apelan á situación "de risco sanitario" para os visitantes, turistas e mozos que se albergan nos campamentos permanentes que existen nas illas. ASMIG advirte a CMATI que "exercerá accións legais en caso de que se produza calquera incidencia con resultado de morte ou lesións graves por esta falta de atención".

POWERED BY BIGPRESS