Esta historia ten un protagonista de Narón, pero o seu caso pode ocorrer en calquera vila galega. Francisco Díaz Mouriz quedou en cadeira de rodas por un accidente laboral e, cada día, atopa obstáculos nos seus desprazamentos. En ocasións son "cousas de fácil solución". Comprobouno con el André Abeledo, portavoz de Esquerda Unida nese mesmo concello.

Nun comunicado, o concelleiro conta os problemas cos que se atopou no seu paseo con Francisco. "Dende beirarrúas demasiado estreitas ata pasos de peóns con bordos que se converten en verdadeiros obstáculos insalvables, e que obrigan a estas persoas a cruzar a rúa por onde non deben ou pedir axuda", enumera. Así "cousas como ir o médico, facer a compra ou visitar os seus representantes no concello" están cheas de atrancos, cando en moitas ocasións teñen unha solución sinxela.




"Sería bo que todas e todos os que temos algún tipo de responsabilidade pública désemos un paseo cun deses Franciscos e Franciscas, heroes anónimos do día a día, para recuperar esa empatía co sufrimento alleo que nos permita construír unha cidade mais humana e un futuro máis xusto para todas e todos", conclúe.

E isto ocorre na oitava poboación máis grande de Galicia. Non digamos no rural.

POWERED BY BIGPRESS