O prezo do leite que se paga aos gandeiros en Galicia baixou en xuño un 1,47% respecto de maio ata situarse en 26,9 céntimos, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. Así, Galicia segue como a comunidade onde menos se paga a gandeiros polo seu leite, 1,9 céntimos por baixo da media estatal, que se sitúa en 28,8 céntimos. Así mesmo, está lonxe dos 34 céntimos de País Vasco.
Deste xeito, o prezo do leite en Galicia sitúase nun prezo inferior en 1,4 céntimos ao que tiña a comunidade no mes de setembro, cando se asinou o acordo lácteo en Madrid. Naquel entón eran 28,3 céntimos o litro, agora 26,9.
Pola súa banda, os gandeiros que realizan entregas de leite en Galicia seguen descendendo en febreiro e quedan en 8.806, 50 menos que os 8.856 de maio. Todo iso, tras unha perda de máis de 500 granxas ao longo de 2015.
A produción de leite en febreiro tamén caeu en Galicia en xuño, ata 220.813,5 toneladas, fronte ás 231.118,8 toneladas producidas en maio.