Yolanda Díaz, no centro, nun acto en Ferrol. //Europa Press
A deputada nacional de En Marea, Yolanda Díaz, mostrou a súa "satisfacción" polo resultado da consulta ás bases de Podemos en Galicia, na que venceu a opción de formar alianza coas mareas nas próximas eleccións autonómicas do 25 de setembro.
Díaz trasladou que esta decisión "é moi positiva para este país, para tecer unha gran marea", xa que, ao seu entender, "precisámola todos os homes e mulleres".
A política ferrolá tamén aproveitou unha comparecencia en Ferrol para "dar o parabén aos compañeiros de Podemos", á vez que indicou que "agora hai que facilitar todo o traballo en rede" para poder "dicirlle 'good bye' a Alberto Núñez Feijóo e ás súas políticas de austeridade do Partido Popular".
CANDIDATO A PRESIDENTE
En alusión á procura do candidato de En Marea a presidir a Xunta, e preguntada sobre a posibilidade de que esa persoa sexa o maxistrado Luís Villares, a deputada volveu reiterar que "é unha sorte o contar con el".
"En caso de aceptar ese enorme reto, nós (a confluencia) non podemos obviamente máis que darlle as grazas", engadiu a coordinadora de Esquerda Unida.
Por último, Díaz destacou que Villares é "un home que representa o cambio político, un profesional, con solvencia e que tamén representa unha nova Galicia que temos que construír entre todos". "Vai ser o capitán dun barco no que esperamos que a singradura sexa positiva para Galicia", sentenciou.