Tres profesores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) editaron unha obra interactiva que explica as enfermidades infecciosas mediante unhas cen obras de arte.


Deste xeito, o compendio Infect-arte: aprende as enfermidades infecciosas a través da arte busca combinar "dous mundos independentes" e reivindicar a presenza da microbioloxía na vida diaria, segundo indicou a universidade compostelá nun comunicado.


Así, a obra editada polos docentes Ángeles Muñoz, Isabel Santos e Rafael Seoane permitirá aos estudantes da rama de ciencias da saúde "aproximarse á arte ao recoñecer as enfermidades infecciosas plasmadas" por artistas ao longo dos anos.


Respecto das enfermidades plasmadas nas obras de arte, os docentes sinalaron a importancia a peste e a lepra debido ao seu protagonismo na época, na que "eran enfermidades estigmatizantes que non se sabían afrontar". Ademais, destacaron que, en moitos casos, a súa representación aparece relacionada cunha iconografía relixiosa debido a que a relixión "xogaba un papel importante nos procesos de curación".

POWERED BY BIGPRESS