Un grupo de nenos rusos procedentes da rexión de Briansk, próxima ao accidente da central nuclear de Chernóbil, que pasan o verán en Galicia en casas de acollida visitaron o Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña).
A visita tivo lugar este sábado e estivo organizada pola Deputación da Coruña, que colabora con 10.000 euros coa entidade organizadora da actividade, Ledicia Cativa, segundo indicou o ente provincial.
Esta acción permite que 25 nenos convivan ata finais de agosto con familias coruñesas de acollida e familias tuteladas pola Federación Rusa para permitirlles pasar a tempada estival nunha contorna non contaminada. Así mesmo, outros 40 nenos de entre seis e 18 anos alóxanse tamén este verán noutras provincias galegas.
Ademais dunha visita guiada ás dependencias do pazo de Bergondo, este sábado os nenos gozaron dun xantar e unha xornada ao aire libre nos xardíns de Mariñán. O deputado provincial e alcalde de Pontedeume (A Coruña), Bernardo Fernández, foi o encargado de recibilos e destacou o labor "solidario" da entidade organizadora do programa, iniciado hai 20 anos.
sábado, 23 de julio de 2016, 18:27