A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) publicou este xoves un estudo sobre a inserción laboral dos titulados en másteres das tres universidades galegas durante o curso académico 2010-2011, segundo o cal se debulla que só o 44,1% dos enquisados traballa en algo relacionado cos seus estudos.


Segundo detallou o director da axencia, José Eduardo López Pereira, as ramas do coñecemento que máis vinculación teñen entre o seu traballo e o máster son as de Ciencias e a de Enxeñería e Arquitectura, seguidas de Ciencias de Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e, en última posición, Artes e Humanidades.


Así mesmo, este estudo, cuxa mostra abarca as 1.526 entrevistas telefónicas e 148 másteres, revelou as motivacións que levan aos titulados para realizar estes cursos. Como primeira opción, os entrevistados aseguraron que pretendían completar a formación académica para traballar (57,6%) seguidos dos que querían completar os seus estudos para a investigación (30,1%), o que se contrasta con aqueles que detectaron necesidades formativas na experiencia laboral anterior (5,4%).


Por outra banda, López Pereira destacou que o 68,3% dos titulados xa tiñan un traballo antes de realizar o máster, mentres que un 73,5% traballan actualmente, e un 91,9% fíxoo nalgún momento tras terminar o curso. Ademais, a rama que menos tempo necesitou para atopar traballo é a de Enxeñería e Arquitectura, cunha media de 6,31 meses de espera.


OBXECTIVOS DO ESTUDOS


A presidenta da Axencia, María Patrocinio Morrondo Pelayo, lembrou que esta entidade é pioneira na realización de informes que analizan a situación laboral dos titulados en máster. Este é o segundo sobre este tema e os obxectivos seguen sendo analizar a percepción dos titulados en másteres sobre a formación na universidade e as características da súa situación laboral.


Nesta ocasión tivéronse en conta os titulados durante en curso 2010-2011 e as entrevistas realizáronse durante os meses de xuño e agosto de 2014, "co tempo necesario para coñecer a súa situación laboral", aclarou o director da Axencia. Ademais, o secretario xeral de Acsug, José Alberto Díaz de Castro, sinalou que non existe un estudo cunha fiabilidade similar.


Outro dos datos máis destacados deste informe foi a repartición territorial dos titulados. Segundo os resultados, o 88,1% está a traballar en Galicia, mentres que o 10,11% o fai noutras comunidades autónomas e, tan só o 1,7% marchou do país.

POWERED BY BIGPRESS