Congreso dos Deputados
Agora que a terceira autoridade do estado tamén é galega, aínda que nada na Galicia zamorana, bo será lembrar un vello dito popular galego para explicar, dunha forma sinxela e clara, o que pasou onte no Congreso dos Deputados cos misteriosos 10 votos que cambiaron de lugar sen coñecer de certo a súa procedencia.
Dicía meu avó Manolo a quen lle pedía descontos por cuestión de amizade ou parentesco -el, que era fogueteiro e dos bos- aquilo que lle ensinaron os seus maiores: "Amiguiños si, pero a vaquiña, polo que vale".
Se vostedes aplican está máxima tan simple á votación do noso Parlamento, entenderán facilmente o por qué os exconverxentes cambiaron o seu dereito a grupo parlamentario polos seus votos ou como tamén o PNV mutou os seus polo control dunha Kutxa de millóns de euros. Antes os ciudadanos de Rivera demostraban o civilizada que é a dereita do IBEX e o ben que se lle dá cambiar de parella política.
A partir de aí e a partir de agora, os sociatas poden absterse porque a patria necesita unha nova Constitución, e os de Podemos porque llo pide o corpo, como fixeron co seu apoio a Patxi López, tamén coñecido no mundo dos medios afíns a Rajoy como Patxi o Breve.
Non queriamos pactos? Pois toma pactos! E Populares e Ciudadanos, ao goberno da nación. Iso si, baixo a inmutable dirección da segunda autoridade do Estado, que tamén é galega, ou sexa, Mariano Rajoy. Xa só falta que ao Rei se lle ocorra lembrar as Cantigas de Alfonso X O Sabio nas súas audiencias consultivas para que isto pareza Redondela en festas ou, se o prefiren, a Festa da Empanada de Bandeira.
En fin, que queren que lles diga? Habelos, hainos...! E non todos se parecen a Castelao.