A Plataforma Salvemos Cabana pide á Consellería de Medio Ambiente que non autorice a celebración do festival 'V de Valarés' nunha zona de máxima protección da Rede Natura 2000. O seu escrito de queixa no rexistro da Xunta únese á denuncia doutros colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural.


A Plataforma explica que o festival de praia, xestionado desde a Fundación Eduardo Pondal e "autorizado de maneira incomprensible", pretende desenvolverse dentro dun "espazo de máxima protección", Praia de Balarés.


En concreto e segundo os datos oficiais da Rede Natura, na Zonza de Especial Conservación Costa da Morte atópanse "ata 23 hábitats de interese prioritario e a presenza de especies moi destacadas a nivel de fauna e flora". Citan á a Omphalodes littoralis, endémica da costa galega, presente no "Catálogo Galego de especies ameazadas" e en perigo de extinción no "Libro Vermello da flora vascular ameazada de España".


DEBE PROHIBIRSE NA ACTUAL LOCALIZACIÓN


Por iso, a Plataforma defende que non "pode nin debe autorizarse baixo ningunha circunstancia unha actividade recreativa destas características no máis sensible da Rede Natura 2000", moito menos cando se trata dunha actividade na que "durante tres días, do 12 ao 14 de agosto, prevese a participación de miles de persoas e mesmo a organización está a comercializar unha macro acampada no piñeiral anexo á praia".


Solicitan, por tanto, que o festival se traslade a "un emprazamento que non invada zonas protexidas", e tendo presente que "o maior legado da zona ás xeracións futuras é precisamente a súa paisaxe e a súa biodiversidade e que a celebración dunha festa de praia no corazón dunha contorna protexida non é mellor ferramenta para favorecer a súa conservación".

POWERED BY BIGPRESS