Un estudo no que participan investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con outras institucións nacionais e internacionais avanzou na investigación de enfermidades comúns relacionadas coa calidade do proceso de envellecemento.

Segundo trasladou a USC a través dun comunicado, a combinación dos dous xenomas do ser humano (nuclear e mitocondrial) producen unha adaptación celular que repercute ao longo da vida da persoa e que determina a calidade do seu envellecemento.

A investigación, publicada na revista científica Nature, foi coordinada por José Antonio Enríquez, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) e contou coa participación do catedrático Anxo Carracedo da USC.

A principal conclusión da investigación di que variables non patolóxicas do ADN dos seres humanos e dos ratos teñen un impacto no metabolismo e na calidade do envellecemento dos individuos.


COMPOÑENTE XENÉTICO


Pola súa banda, Ángel Carracedo destacou que estas conclusións son clave para entender un pouco máis o compoñente da xenética das enfermidades complexas, particularmente do cancro, a diabetes e a obesidade, así como as causas doutras enfermidades raras.

Así mesmo, tamén apuntou a que servirá para aproximarse á terapia destinada a evitar a transmisión de mutacións patolóxicas á descendencia popularmente coñecida como 'fillos de tres pais xenéticos'.

POWERED BY BIGPRESS