A Cámara autonómica aprobou por unanimidade este mércores a primeira iniciativa non de lei de impulso cidadán para reclamar ao Estado a redución do IVE dos cueiros desde o actual 21% a un tipo superreducido do 4%.
Esta proposta foi remitida ao Parlamento pola Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) e o PPdeG aceptou defendela para a súa tramitación en base ao novo regulamento da Cámara, segundo expuxo a deputada Marta Rodríguez Arias porque o seu grupo a comparte e porque "é coherente" coas políticas da Xunta.
Tras destacar que esta é a "primeira proposición non de lei que se debate nun parlamento español", a deputada popular subliñou a importancia de prestar "especial apoio" ás familias numerosas ante o "inverno demográfico".
Aínda que todos os grupos coincidiron en apoiar esta iniciativa, as deputadas Eva Solla (AGE) e Carme Adán (BNG) reprocharon a "hipocrisía" do PP que "tivo moitas oportunidades para reducir o IVE dos cueiros" no Goberno central, pero non o fixo. Ademais, ambas as deputadas lembraron que en febreiro se aprobou na Cámara galega unha proposta para instar o Estado a reducir os produtos de hixiene íntima, pero desde entón non se sabe "nada".
Pola súa banda, Juan Carlos González Santín (PSdeG) criticou que "non se pode xustificar" que os cueiros teñan un IVE como un "produto de luxo", xa que están "gravados con máis do dobre do IVE de produtos como cervexa ou o viño". Así mesmo, Carmen Iglesias (Grupo Mixto) felicitou a Agafan por esta proposta, aínda que espera que a decisión do PPdeG de aceptala "non se deba a pura estratexia electoralista" e que a súa posta en marcha "non se demore".
RELACIÓNS LABORAIS
O PP e o PSdeG sumaron os seus votos para rexeitar a aposta do BNG por crear un marco "galego" de relacións laborais e que este sirva para "protexer á parte máis débil", aos traballadores. Ante o pleno da Cámara, Montse Prado (BNG) defendeu unha proposición non de lei que pedía sacar adiante "unha declaración de vontade" relativa a esa "defensa" dun marco propio para Galicia, pero unicamente recibiu o apoio de AGE e o Grupo Mixto.
Con todo, tanto Alternativa como o PSdeG, por boca de Juan Fajardo e María Quintas, respectivamente, coincidiron no empeoramento das condicións laborais que trouxo consigo a reforma laboral aprobada polo PP e tamén na necesidade de derrogar esta norma.
Pola súa banda, Cristina Romeu (PP) apoiou "dar máis protagonismo" ás relacións laborais agora que as condicións económicas xerais están "a mellorar", pero rexeitou restrinxir este precepto ao ámbito autonómico.