Case dous mil empregados dunha empresa pública atópanse "nun limbo alegal". Son os empregados do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que hoxe se concentraron ante a sé da empresa en Santiago para reclamar "unha folla de ruta" que os equipare aos que traballan para a Xunta.


E desa eiva, tal e como manifestou Javier Lareu, responsable de Acción Aindical do sector autonómico de CCOO, "derivan moitos dos problemas que están sufrindo os traballadores do consorcio". Lareu recoñece "unha enorme inseguridade", pois moitas das decisións de carácter laboral "quedan ao criterio dos xefes administrativos do Consorcio, que unhas veces os poden aplicar dunha maneira e outras veces doutra".


MESA DE NEGOCIACIÓN

Con esta concentración, demandan ao xerente do Consorcio e á Consellería "que se abra unha mesa de negociación para que, primeiramente, nos dean información fidedigna de cál é a folla de ruta desta admin para os traballadores do Consorcio". Defenden que se equiparen os seus dereitos co persoal que realiza as mesmas funcións para a Xunta "en canto a mobilidade, a concurso de traslados, a salario, a listaxes de contratación, etc."


Polo momento, tal e como contou Lino Díaz, responsable do sector autonómico de UGT, xa tiveron varias reunións co novo xerente, pero "todo son xuntanzas de boas palabras que quedan no limbo e non teñen un traslado despois con efectividade dunha normativa como é o convenio xunta para este persoal".




SORPRESA

Aos sindicatos colliunos por sorpresa o recente acordo entre a FEGAMP e a Administración autonómica para darlle continuidade ao Consorcio "cando a idea era consolidar a Axencia Galega de Servizos Sociais", o que "significaría a aplicación inmnediata do Convenio da Xunta para estes traballadores" e a fin do conflito.


"Sen entrar a valorar decisións políticas", afirma Javier Lareu, insisten nas súas peticións: "queremos que se nos diga de primeira man cal é a folla de ruta que ten esta Administración para os traballadores e os seus dereitos que agora están nun limbo alegal".


POWERED BY BIGPRESS