O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" aos directivos das empresas norteamericanas que participan en Ourense na primeira misión comercial USA-Ourense certificada polo goberno dos Estados Unidos. 


Son en total vinte compañías, que facturan anualmente en conxunto máis de seis mil millóns de dólares e que dan traballo directo a 45.000 persoas en diferentes países do mundo.


De feito, o importante volume de negocio que xeran estas compañías, moitas delas con estratexias de internacionalización centradas principalmente en Europa, supón tamén unha oportunidade para as empresas de Ourense que participan neste encontro comercial.


Na recepción oficial, Manuel Baltar agradeceulles a súa presenza en Ourense e ofreceulles "as singularidades e o potencial" que ten esta provincia en materia de turismo, termalismo, agroindustria, téxtil ou tecnoloxía, "para investir e crear canles de negocio cun territorio que conxuga como poucos tradición, creatividade e innovación".


Nun discurso de benvida ofrecido en inglés, Baltar comezou cunhas palabras de condolencia pola traxedia acontecida días pasados en Orlando, para, de seguido, agradecer a presenza dos empresarios norteamericanos en Ourense e tamén a Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership, a xestión realizada na organización da misión, agradecemento que fixo extensivo ás autoridades USA "por ter posibilitado que esta senda de cooperación empresarial e institucional entre Ourense e Estados Unidos sexa unha realidade que máis cedo que tarde vainos traer noticias positivas para a nosa provincia".


Manuel Baltar expresou o seu convencemento de que haberá "un antes e un depois nas relacións comerciais entre Ourense e Estados Unidos logo desta misión comercial, porque estou seguro de que a repercusión que este encontro traerá consigo permitirannos seguir afianzando a "marca Ourense" en todos os ámbitos da nosa actividade comercial e institucional, e tamén favorecerá alianzas estratéxicas sectoriais entre empresas ourensás e estadounidenses, que xerarán competitividade na nosa provincia e ampliarán horizontes para compañías de Ourense e dos Estados Unidos".


As vinte empresas USA que participan na misión traballan nos sectores agroindustrial, servizos, consultoría internacional, investimentos, tecnoloxía, turismo, enerxía e construción.

Logo da recepción oficial desenvolvéronse relatorios e paneis informativos para dar a coñecer aos empresarios USA as posibilidades de investimento nos sectores estratéxicos da provincia, tanto por parte do Inorde como pola Confederación de Empresarios e a Cámara de Comercio, e tiveron lugar os encontros "one to one" entre empresarios ourensáns e estadounidenses para establecer contactos e posibles alianzas de negocio nos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal e de innovación, entre outros.


Pola súa banda, Juan Verde valorou moi positivamente esta primeira xornada afirmando que as empresas americanas presentes en Ourense "foron previamente seleccionadas atendendo ás posibilidades de negocio que atopamos na provincia de Ourense, e o obxectivo é que, ademais do contacto directo cos empresarios ourensáns, visiten as instalacións dos potenciais distribuidores ou socios cos que poidan establecer contacto na provincia ourensá".


A misión, certificada polo Goberno de Estados Unidos, está encabezada pola congresista de California Loretta Sánchez e desenvólverase hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" e mañá no parador de Santo Estevo, onde terá lugar o acto de clausura coa participación da congresista e do presidente da Deputación de Ourense.


O obxectivo da misión é impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. "Un histórico encontro bilateral entre compañías USA e ourensás", como o definiu Manuel Baltar, que permitirá ao mercado estadounidense coñecer o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas, e que investidores doutros países vexan o noso territorio como unha terra de oportunidades.

POWERED BY BIGPRESS