Unha paciente do CHUAC vén de denunciar a través da Coordinadora Anti-Privatización da Coruña que recibiu unha chamada dunha administrativa do Sergas que a "invitou educadamente" a saír das listas de espera, ante as complicacións que presentaba a súa operación.


María García está na lista de espera para operarse de menisco na rodilla dereita. Nun primeiro momento, asegura que o Sergas a chamou para intervila "a través da privada" e que ela se negou. A segunda vez que recibe a chamada para ser operada, resultoulle imposible xa que está recuperándose doutra intervención na man que lle imposibilita o uso de muletas trala operación.


Ante esta situación, a paciente asegura que recibiu unha chamada na que unha administrativa a invita "moi educadamente a saír da lista de espera" dado que non podía operarse, propóndolle volver máis adiante ao ciruxano para que a puxera de novo en lista de espera.


A paciente negouse a saír das listas para non perder o seu posto, xa que confía na posibilidade de poder ser operada nuns meses. Pero aínda así quixo deixar constancia destes "chanchullos" nas listas. 

POWERED BY BIGPRESS