Representantes da CIG en Telefónica concentráronse ante a súa sede na Coruña este xoves, denunciando a "perda en empregos" que segundo eles se está producindo nos centros de Telefónica en Galicia.


A través dun comunicado o sindicato indica que "tras destruír 55.000 empregos entre 1993 e 2013", en 2016 a compañía pretende "a transformación radical do contrato colectivo de emprego e a imposición dunhas condicións laborais e salariais con medidas de flexibilización interna e externalización do servizo de telecomunicacións".


Unha política que segundo a CIG implica unha "redistribución do cadro de persoal e unha nova organización de traballo que exclúe a Galicia do emprego de calidade".


Sinalan que esta estratexia empezou a "acelerarse" entre os anos 2011 e 2013 "coa aplicación do último expediente de regulación de emprego que reduciu un 32% o cadro de persoal en Galicia, a pesar de que o plan social comprometía a reposición do 7% das baixas", engade.

POWERED BY BIGPRESS