Hai pouco máis dunha semana SOS Sanidade pública denunciaba os retrasos de citas de revisión de pacientes oncolóxicos no hospital de Santiago, admitidas e en teoría subsanadas pola xerencia do hospital. Pero dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus acaban de destapar un novo caso dun retraso de cinco meses, que segundo eles serve como “terrible exemplo do que é a día de hoxe a situación destes doentes”.


Trátase do caso de María José Ínsua Horta, diagnosticada en 2012 cun cancro de colon con metástase no útero e nos ovarios, que xa requeriu dúas importantes operacións cirúrxicas. Segundo denuncian dende asociación, a finais de decembro de 2015 tivo que reclamar porque se lle adxudicaba unha cita para a unidade de raquis para abril de 2016, conseguindo ser atendida antes de que rematase o ano.


Nesta cita o especialista solicítalle unha resonancia con carácter preferente, ante a sospeita de que exista metástase na columna. A recomendación é que as probas de carácter preferente sexan realizadas en 15 días, pero o certo é que 150 despois a doente “non tivo ninguna noticia nin lle comunicaron cando lla van a practicar”.


Por iso dende a asociación lle esixen ao CHUS que se proceda á “inmediata atención” desta paciente e de todos aqueles en situación similar, que se lle realice unha proba diagnóstica “imprescindible para o seu posterior tratamento, e esencial para súa supervivencia”.

POWERED BY BIGPRESS