Os inspectores farmacéuticos da Xunta levan tempo denunciando os riscos que supón para a saúde pública galega a falta de medios e persoal do seu departamento, de feito xa ten entregado un preaviso de folga nun intento de forzar á administración a negociar. Seguen tratando de concienciar á poboación sobre os perigos que poden acarrear a falta de inspeccións sanitarias e este luns ten posto o foco sobre a legionella.


Trátase dunha enfermidade que pode propagarse a través de calquera sistema que utilice auga pulverizada. Hoteis, pensións, campings, colexios, ximnasios, balnearios.... Só entre residencias turísticas e centros educativos, os 62 inspectores farmacéuticos operativos na actualidade ten que controlar preto de 5.000 instalacións fronte a unha enfermidade que xa ten provocado brotes de importancia na nosa comunidade. Recordan os casos de 2014 en varias residencias de Lugo ou o do 2000 en Vigo, que se saldou con catro falecidos.


Por iso os sindicatos acusan á Xunta de "desprezar o perigo" da legionella, optando por "ir diminuíndo máis e máis a frecuencia e a cantidade de inspeccións, o que supón que o risco medre ano tras ano, sen que a poboación chegue a decatarse".


Se nada cambia, os inspectores farmacéuticos comezarán unha folga indefinida o vindeiro 18 de maio. 


POWERED BY BIGPRESS