Unha mesa de debate sobre o xornalismo en galego e outra sobre ilustración, na que participarán Kiko da Silva e Almudena Aparicio, sumadas ás actuacións musicais de Xosé Constenla e Poetarras, a un recital de poesía e á entrega de premios dun concurso de poesía e narrativa. Con estes ingredientes retorna o vindeiro mércores a Ciencias Sociais e da Comunicación a Resaca das Letras, o evento co que cada ano conmemora esta facultade do campus pontevedrés o Día das Letras Galegas, desta volta promovido por un grupo de estudantes de diferentes facultades.
Nacido hai máis dunha década da man do profesor Benigno Fernández Salgado, o evento que adoitaba desenvolverse días despois da celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio, volverá neste 2016 a converterse nunha
‘resaca’ adiantada, desta volta da man dun grupo integrado, entre outros, por estudantes de CCSS e da Comunicación e de Belas Artes, que constituíron a asociación Resaca das Letras.
“O noso obxectivo é organizar un acto conmemorativo da cultura galega”, salienta Mónica Abad López, unha das organizadoras do festival que se desenvolverá o vindeiro mércores a partires das 16.30 horas.
A ILUSTRACIÓN SÚMASE Á MÚSICA E Á POESIA
Como en edicións anteriores, a Resaca das Letras contará cun recital de poesía en galego, aberto a todas as persoas interesadas, e con actuacións musicais, que correrán a cargo do músico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Xosé Constenla; do grupo Poetarras, integrado por egresados de CCSS e da Comunicación, e de Navia Rivas, encargada de pór son ao recital poético.
“Seguindo con esa liña musical e poética do ano pasado, este ano estamos a traballar sobre a ilustración principalmente”, explica Abad López dun programa que inclúe tamén un coloquio cos ilustradores Kiko da Silva e Almudena Aparicio, ambos titulados en Belas Artes, e cun relatorio de Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo, dúas propostas dirixidas a coñecer
“como traballan no deseño gráfico, as súas técnicas creativas, dixitais e analóxicas...”. Previamente, a Resaca das Letras abrirase, trala intervención do decano, Xosé Baamonde, ás 16.30 horas, cunha mesa dirixida a afondar “
na situación do galego no xornalismo”, na que participarán profesionais de Pontevedra Viva, Sermos Galiza e Praza Pública.
O programa deste evento inclúe tamén a proxección dun vídeo homenaxe, realizado por alumnado de Belas Artes, ao poeta homenaxeado neste 2016 no Día das Letras Galegas, Manuel María, e a entrega de premios do concurso de poesía e narrativa curta en galego, que este venres pecha o seu prazo de presentación de propostas, que serían avaliadas por un xurado integrado polas escritoras Anxos Sumai e María Canosa. A idea que definiu esta Resaca das Letras 2016 é
“xuntar temas de interese para os estudantes relacionados co galego”, explica Abad López, unha das integrantes do equipo organizador que completan Paulo Queiruga, Sofía García, Alejandro Villar, Sofía Domínguez, Jorge Sánchez, Natalí Fraga, Susana Bahamonde, Martín Cartelle, Lara Gómez, Umá de Oliveira, Raquel Buján e Claudia Gómez.