"Poucas sorpresas". Ese era o resumo de Quique Costas, presidente da Plataforma de afectados pola hepatite C en Galicia sobre a comparecencia parlamentaria do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, na que defendeu unha vez máis a comisión que autorizaba os tratamentos e os altos cargos investigados.
Para comezar, Costas cuestiona a capacidade de dar explicacións dunha persoa que era "alcalde de Baiona" no momento dos feitos, denunciando que o único fío conductor coa política daquel momento é "a persoa que hoxe non compareceu", o presidente da Xunta.
Pero iso non impediu que o voceiro dos afectados se amosase moi crítico con algunhas das "excusas" ofrecidas polo conselleiro. Considera "realmente ferinte" ver aos deputados do PP "aplaudindo entusiasmados que alguén diga que o tempo medio de espera era de 13 días". "Non sei o que podían estar sentindo as familias das víctimas nese momento. Para eles non existen as víctimas", asegurou.
Recorda o caso de Isolina Sánchez, que "morreu non despois de 15 días esperando por un tratamento. Morreu despois de 7 meses esperando por un tratamento".
Considera "enganoso" e "unha manipulación" o dato de 1137 casos autorizados pola comisión, xa que considera que se trata dos tratamentos autorizados dende 2012 e non dende a chegada dos novos fármacos. Por iso esixe saber cantos deses tratamentos se deron dende comezos de 2014 ata o 1 de abril de 2015.
Por último, recorda que este mércores na sesión de control parlamentaria o presidente da Xunta ten unha oportunidade de ouro para "disculparse públicamente coas familias das víctimas polas súas intolerables declaración feitas en Madrid, nas que intentou banalizar as mortes das víctimas" cando dixo que non consideraba lóxico relacionar "dúas ou tres mortes" cos recortes da Xunta.