Pois si, si que houbo minuto iugoslavo promovido por Compromís motivado, creo eu, porque se cheiran por anticipado un lio post-electoral de groso calibre na Comunidade Valenciana tras as eleccións de xuño. Un último intento ao que se sumou torpemente o PSOE, cuxos estrategos tiveron a histórica oportunidade de demostrarlle aos votantes que o da investidura errada de Sánchez non era para ser Presidente, senón para formar un goberno de consenso e que a diluíron noutro "si, quero ser presidente, con independentes ao meu lado", que deixa á candidatura sociata aos pés dos cabalos dos populares que a golpearán moi duro na xa iniciada campaña electoral, acusando ao seu líder de sacrificar calquera proposta de pacto que non inclúa a cadeira presidencial co seu nome escrito na cabeceira.
Tamén Ciudadanos sacará partido desta oferta envelenada, xa que ao dicir tan claro e tan rápido que non á oferta dos valencianos e menosprezar de forma contundente o que contestaron os socialistas, escenificou a ruptura do pacto a dous que xa lles queimaba nas mans agora que, como sinalabamos liñas arriba, iníciase a campaña electoral, onde conseguirán uns escanos que valerán ouro moído cando negocien co PP, cuxos medios afíns os machucaron de forma inmisericorde durante a última semana, algo que ten aos de Rivera pero que moi preocupados!.
Pablo Iglesias, pola súa banda, á súa: a esnaquizar o PSOE, deixándoo, se é posible, á altura do PASOC, aínda que sexa á conta de pisar ademais a dignidade das vítimas do terrorismo, branqueando a ETA e aos seus seguidores políticos, aos que Arnaldo Otegui reivindicou acordándose dos seus "presos políticos" nada menos que en Bruxelas, co apoio de Podemos e Esquerda Unida. Todo vale, con tal de sumar votos, incluídos varios miles da familia abertzale, e así tomar o poder, sexa como sexa. E se ademais o compañeiro Errejón queda polo camiño para facerlle sitio ao prometedor Garzón, pois... tamén.
E así se escribe a historia, con ringleiras torcidas e medias verdades que, por moito que se repitan, non deixarán de ser unha monumental mentira que uns políticos mediocres e arrogantes van levar ante os seus electores, sen que se lles caia a cara de vergoña, no vindeiro mes de xuño, e que todos teremos a oportunidade de votar, se non nos fomos antes a ver a algún dos nosos novos talentos no estranxeiro, dos que ultimamente ninguén fala, para preguntarlles se tamén hai un sitio para nós... os indignados.