A semana pasada a Asociación de Hospitais de Galicia (AHOSGAL) presentou o seu renovado código ético, no que entre outras cousas se comprometían a prescindir dos profesionais sanitarios que deriven pacientes do sistema público á súa consulta privada.


Pero este compromiso resulta "insuficiente" para CCOO Galicia. Recordan que a propia lexislación "di o que hai que facer" e reclaman un cumprimento "estrito" da lei de incompatibilidades.


O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, lembra que o persoal facultativo cobra un complemento salarial por dedicación exclusiva ao servizo público, polo que "só renunciando a el podería traballar no sector privado", sempre e cando sexa nunha área sanitaria distinta e compatibilizando o horario.


Cameselle coida "inaceptable" que algúns xefes ou xefas de servizo traballen simultaneamente no sector privado. Na súa opinión, o único xeito de "controlar" que os doentes non sexan derivados dun sector ao outro é mediante "unha nítida separación" entre os sectores, "especialmente no caso de persoas que toman decisións".


Por todo isto, CCOO insta a Consellería de Sanidade a "extremar as inspeccións" para verificar o «correcto cumprimento» da lei, recordando que o código ético presentado polos centros privados chega tras denunciar a Fiscalía varios casos de profesionais que supostamente derivaban doentes do sistema público e mesmo terían utilizado o SERGAS para completar probas diagnósticas con fins privados.

POWERED BY BIGPRESS