Alberto Núñez Feijóo reuniuse co presidente de Arxentina, Mauricio Macri, no marco da visita oficial que está levando a cabo neste país suramericano. 


O presidente da Xunta aproveitou a ocasión para destacar a importancia de que Arxentina conte con Galicia como "porta de entrada a España e Europa", unha posible entrada das inversións arxentinas no noso continente. 

"Na visita puxémonos a disposición e o que nos expuxo é que quere que o axudemos, na medida das nosas posibilidades, a modernizar o país e dar seguridade á xente que queira vivir e investir aquí; e para nós é moi importante que Arxentina conte con Galicia como porta de entrada a España e Europa", asegurou. 



Feijóo agradeceu a Macri que "fixese un oco" para poder recibilo e lembrou os seus encontros na súa etapa política pasada, cando era a primeira autoridade en Buenos Aires. "Agora velo na Casa Rosada é unha oportunidade que non queriamos deixar de ter", esgrimiu.



Á marxe de agradecerlle que Santiago sexa a invitada de honra da Feira do Libro de Buenos Aires, o dirixente galego asegurou que ten  a "sensación" de que Macri quere "modernizar a economía arxentina, dar seguridade e estabilidade, baixar a inflación, controlar o déficit, sanear o país, e mellorar as infraestruturas e servizos públicos".



POWERED BY BIGPRESS