Félix Rubial deberá declarar o vindeiro xoves 28 de abril polos retrasos en tratamentos de hepatite C. Pero o exdirector de asistencia sanitaria e actual xerente da área sanitaria de Vigo está convencido de que tanto el como a outra investigada actuaron con “absoluta profesionalidade” e “honorabilidade”.
Rubial considera que a “gravísima” acusación que se fixo contra el e contra a subdirectora de farmacia, Carolina González Criado, “non ten ningún fundamento”, aínda que tamén nega que poida existir “outro tipo de interés espúreo” tras ela.
Recibe a citación xudicial "con preocupación" e "desconcerto", pero asegura que a preocupación está superada polo “absoluto convencemento e seguridade de ter actuado correctamente”. Nega que na evaluación de solicitudes de pacientes con hepatite C houbera razón orzamentarias, insiste en que o criterio médico foi o único utilizado.
Especifica que ata abril de 2015 se solicitaron 1.150 tratamentos, dos cales 1.137 foron autorizados. “Só 13 non cumprían os criterios e non puideron ser autorizados”, asegura.
Sobre os casos recollidos pola Fiscalía nos que aprecia un retraso "inxustificado", Rubial limitouse a afirmar que foron autorizados no seu momento "porque cumprían os criterios establecidos", rexeitando facer maiores concrecións xa que aínda non tivo acceso ao expediente xudicial.
RESPALDO DA CONSELLERÍA
Félix Rubial síntese respaldado pola consellería, que lle trasladou o seu apoio pouco despois de coñecerse a noticia. "Síntome completamente respaldado, agradézoo enormemente", sinalou antes de agradecer as "mostras de cariño" recibidas por parte de personal do Chuvi.
Sobre as peticións de que dimita ou sexa destituido, Rubial asegurou que non pasa pola súa cabeza dimitir. Afirma estar a disposición do que consideren na consellería, pero tamén que nese sentido non ten "preocupación ningunha".