Galicia acode ao Consello de Política Fiscal e Financeira como alumna avantaxada de Cristóbal Montoro, sendo unha das tres únicas comunidades autónomas que cumpriron os obxetivos do déficit para 2015. De feito, o ministro de Facenda xa anunciou que a nosa comunidade disfrutaría dun 'premio' polo seu cumprimento, con algún tipo de discriminación positiva en 2016. 


A meiranda parte das autonomías, en cambio, encaran unha tensa reunión trala polémica polo exceso de déficit que rexistraron e a esixencia do Goberno de que tomen determinadas medidas para controlar a desviación e cumprir este ano os obxectivos.


A causa da dureza deste ano, segundo explicou o propio Montoro, é que a Comisión Europea fixo unha advertencia a España polo exceso de déficit. O país pechou 2015 cun 5% do PIB de déficit, por encima do 4,2% pactado con Bruxelas, coa que quere negociar precisamente un ano máis de prazo para cumprir os obxectivos.


E desa desviación, Facenda culpa fundamentalmente ás comunidades autónomas, que terminaron o ano cun déficit do 1,66% cando deberon facelo no 0,7%. Con todo, o ministerio entende que se cumpren as súas esixencias e non gastan máis do previsto, en 2016 poderán estar dentro da senda de estabilidade.


A reacción da maioría das comunidades foi moi crítica con Montoro, ao que acusan de maltratalas e de non darlles financiamento suficiente mentres lles impón un obxectivo de déficit moi superior ao que se reserva para o Estado. Distintos presidentes autonómicos anunciaron que non pensan aprobar novos recortes e chaman a aos seus colegas a unha rebelión.


POWERED BY BIGPRESS