Medio centenar de persoas convocadas por Queremos Galego concentráronse este xoves ante a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, protestando contra unha sentenza que "elimina aspectos básicos da Ordenanza de uso do galego en Lugo, como o dereito da cidadanía a recibir igualdade de trato ao se dirixir en galego a servizos contratados pola administración a empresas privadas".



O voceiro da asociación, Marcos Maceira, asegurou que este tipo de sentenzas "sectarias" non se poden consentir "dende un punto de vista da cidadanía, dende un punto de vista democrático e dos dereitos lingüísticos", por iso opina que se debe "modificar a lexislación" a favor do galego.



Tamén puxo de manifesto a existencia de "discriminacións en servizos públicos polo uso do galego". "Hai persoas en Galicia ás que se lle negou atención en servizos municipais en Galicia só por falar galego alegando o dereito ao descoñecemento por parte das empresas que prestan o servizo”, precisamente unha das cuestións que viña a solucionar a ordenanza de Lugo e outras que se están a tramitar na nosa comunidade.



“Falamos galego e queremos facelo en liberdade sen coaccións de ningún tipo para que mudemos de lingua, e menos de empresas que deberían estar ao servizo da cidadanía, e non ao revés”, afirmou, para engadir que “parece que coa onda de privatizacións tamén queren recortar o dereito a vivirmos en galego”.


17 DE MAIO: O IDIOMA É A VIDA


Dende Queremos Galego tamén avanzaron o lema da manifestación do vindeiro 17 de maio. Será “o idioma é a vida”, comezo dun coñecido verso do poema “A fala” de Manuel María.


Maceira sinalou que agardan un 17 de maio masivo que contribúa dunha maneira decisiva a devolver o galego ao lugar de normalidade e pleno dereito que nunca debeu perder, así como a parar os ataques que está a sufrir con avances significativos.


POWERED BY BIGPRESS