Bombeiros de toda Galicia manifestaranse o vindeiro luns 18 de abril protestando polo rexeitamento do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (PP), para rescatar as concesionarias privadas dos parques provinciais facéndoos públicos.
Ourense centrará a protesta de todos os bombeiros galegos, xa que o resto dos presidentes provinciais (todos socialistas), mostraron a súa "vontade" para rescatar as concesións a pesar dos "condicionantes que está a poñer a Xunta de Galicia".
O portavoz da mesa intersindical de bombeiros de Galicia, José Luis Parella, contrapuxo esta áctitude á de Manuel Baltar, que "manifestou a súa clara e rotunda intención de continuar adiante cun modelo de xestión privada", converténdose na "única Deputación" en contra de facer públicos os parques.
A manifestación sairá ao mediodía do parque de bombeiros de Ourense, baixo o lema 'Rescátanos' e rematará ante a Deputación de Ourense, que alberga a sede do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios.
Tamén pasarán pola sede de Democracia Ourensana, "un grupo político que está a discriminar e infravalorando ao colectivo de bombeiros", e tamén polo Concello de Ourense.
PERIGOS DA PRIVATIZACIÓN
Os bombeiros denuncian que a xestión indirecta inflúe tanto "na seguridade" dos traballadores como dos cidadáns, xa que alertan de falta de persoal, mentres se inviste con todo en medios materiais "sobredimensionados", "chegando a ter máis vehículos que persoal de quenda".
Parella asegura que unha xestión directa poderíase aforrar un 30%, o cal se podería destinar a paliar a falta de persoal e mellorar o servizo. En concreto, os parques estarían exentos de abonar o 21% do IVE, ao que se suma o 10% de beneficios da empresa.
Tamén sinala Parella que mentres os parques de bombeiros estean en mans privadas atopan "un impedimento enorme" para que se cumpra a lei no tocante a sacar adiante un estatuto de bombeiros que regule a este colectivo.