A partir do 1 de abril Leite Río abandonará varias rotas de recollida de leite, deixando "na estacada varias granxas da comarca de Ordes", segundo denunciou o Sindicato Labrego Galego. 


A empresa alega dificultades de acceso "a unhas granxas ás que lles estivo mercando o leite sen problemas nos últimos anos". No SLG ten constancia de canto menos cinco explotacións afectadas en Ordes, todas "de pequena escala e rexentadas por mulleres maiores de 50 anos que teñen na gandería a súa única dedicación profesional posible". A maiores, tamén soubemos de dous casos máis na comarca de Compostela.


"Aínda que temos constancia destas sete granxas, cremos que podería haber máis afectadas, pero dende Leite Río non nos facilitaron os datos ao respecto". En todo caso, consideran un problema que as industrias exerzan "con total impunidade a súa posición de dominio na cadea de valor, perpetrando todo tipo de abusos e arbitrariedades coas granxas ás que lles mercan o leite a prezos miserables".


Denuncian a existencia de leis que permiten estas "tropelías" e un "silencio cómplice" da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que as ampara, Por iso reclaman a intervención urxente de medio rural, para que determine o número de granxas afectadas e atope unha solución que non consista en  "forzalas a regalar a súa produción para leite en po a prezos por baixo dos 20 céntimos por litro".

POWERED BY BIGPRESS