Alberto Núñez Feijóo aínda non anunciou a súa decisión, pero na oposición parecen dar por sentado que repetirá como candidato para a Xunta, pero só porque "non ten outra opción".
O voceiro parlamentario dos socialistas, Xosé Luis Méndez Romeu, considera que Feijóo se vai "presentar resignadamente unha vez máis" despois de que "os seus lle pecharon as portas" en Madrid. Tamén considera fracasados os intentos de Feijóo de postularse "como eficaz directivo do sector privado".
Na mesma liña expresouse o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, falando de cómo Feijóo se dedicou a "facer méritos de cara a Madrid con escaso éxito". Por último, o deputado de AGE Antón Sánchez tamén considerou que se Feijóo se queda será "porque non ten outra opción".
O presidente da Xunta non confirmou nin desmentiu que repetirá como candidato, espérase que anuncie esa decisión a partir da xunta directiva do PPdG que terá lugar este sábado.
Pero sí aproveitou a oportunidade para revindicarse como "un demócrata" e "un traballador por Galicia". Contestando a unha pregunta de AGE, puxo en valor a súa responsabilidade frente a "líderes carísmáticos que non veñen ao parlamento", en referencia a Xosé Manuel Beiras.
Esta referencia incendiu o tramo final do debate parlamentario. Antón Sánchez asegurou que había moitas diferencias entre Feijóo e Beiras "ademais do carisma", recriminándolle que estivera "na illa de Arousa" co narcotraficante Marcial Dorado mentres Beiras "participaba en manifestacións" coas nais.
Feijóo respondeu coincidindo en que había moitas diferencias entre el e Beiras, ao que lle recriminou que pasara "20 anos de portavoz dun partido" para logo cambiar a outro novo. Tamén asegurou que se tivera perdido tantas eleccións como Beiras non seguiría no Parlamento.