Este martes coñecíamos a iniciativa pola que AGE pretende instar á Xunta a facerse coa titularidade do Dolme de Dombate, pero ata agora non sabíamos os motivos concretos que os levaron ata esta petición.
Agora xa trascendeu o contundente informe co que o grupo apoia a súa petición, no que sinala que “todo apunta a que o concello de Cabana non xestionou ben o centro e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural”, como xa denunciaran dende plataformas como Salvemos Cabana.
Como evidencia presentan “a desfeita que sofreu o neodolme ou réplica, que custou uns 83.000 euros no ano 2012 e que en menos de tres anos xa coñeceu un grave deteriorio”, inadmisible se "se tivesen feito de forma axeitada as tarefas de supervisión das visitas e non se tivese masificado o número de visitantes posibles”.
Tendo esto en conta, dende AGE non entenden que a Deputación da Coruña renovara o convenio co concello de Cabana de Bergantiños, e menos aínda que este convenio inclúa no seu punto 2.3.8 o obxectivo de que “ o maior número de xente posible poida achegarse a Dombate”, sendo a excesiva afluencia de visitantes un dos motivos principais do deterioro do neodolmen.
Por iso reclamarán que a titularidade da xestión pasase á Xunta de Galicia, que podería encargarse de establecer os convenios de cooperación oportunos co concello de Bergantiños. A través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, podería encargarse de velar pola integridade dun "ben sobranceiro, de valor incalculable e único para todas as galegas e galegos".