Alternativa Galega de esquerda defenderá no parlamento unha iniciativa para que a Xunta se faga co control do Dolme de Dombate, xestionado na actualidade a través dun polémico convenio entre a Deputación da Coruña e o concello de Cabana de Bergantiños.
A iniciativa será defendida polo deputado Xabier Ron, que considera que "un concello pequeno non pode contar cos recursos suficientes para manter como se merece un ben de dimensión internacional como é o Dolme de Dombate".
Para esta formación sería máis axeitado que a titularidade da xestión pasase á Xunta de Galicia, que podería encargarse de establecer os convenios de cooperación oportunos co concello de Bergantiños. A través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, podería encargarse de velar pola integridade dun "ben sobranceiro, de valor incalculable e único para todas as galegas e galegos".
Hai que recordar que a xestión actual do monumento podería estar poñendo en perigo a súa conservación, segundo denunciaron colectivos ecoloxistas como Salvemos Cabana, que asegura que se está primando o obxectivo "de traer visitantes a miles ao xacemento pero sen prever as posibles consecuencias".