Adif asumirá finalmente a reparación dos danos provocados nas estradas ourensás polas obras do AVE, ante a negativa das constructoras a asumir a súa responsabilidade. Aínda así, as empresas non se librarán de pagar: o ministerio de Fomento confirma que descontará os gastos das reparacións da factura final que cobrarán as constructoras polas obras do AVE. 


Ana Pastor, ministra de Fomento, foi a encargada de facer este anuncio tras reunirse cos alcaldes de municipios ourensáns afectados polas obras do AVE, con estradas nas que o paso dos camións cargados con material de obras deteriorou as estradas provocando problemas de seguridade e efectos negativos na economía local. 



Pastor lembrou que a Lei de Contratos e os pregos de contratación das empresas adxudicatarias das obras prevén que as empresas constructoras deben asumir a reparación dos danos nos viarios públicos. Pero ante a negativa de varias empresas, a ministra pediu ao servizo xurídico do Estado que elabore un informe que lles aclare a súa responsabilidade á hora de recuperar o bo estado dos viarios ao finalizar as obras.



"O informe di con claridade que quen ten que pagar é a empresa construtora, pero dado que moitas non o están facendo, pedimos autorización aos servizos técnicos e xurídicos para que esas obras póidanse facer desde Adif e logo repercutir os gastos ás empresas construtoras", concluíu a ministra.


VÍAS PARA DEFENDER O INTERESE XERAL



Ante a posibilidade de que algunha destas empresas se negue a pagar, Pastor lembrou que "a Administración ten as vías xurídicas pertinentes para que o interese xeral se defenda.



O inicio das reparacións nas estradas ourensás terá que esperar ata que os informes de seguridade viaria e de danos que terán que elaborar os propios concellos, a Deputación e a Xunta confirmen que a súa deterioración é debida ao tránsito dos camións e vehículos encargados das obras do AVE.



Eses informes deberán ser aprobados polo Consello de Administración de ADIF e "a partir de aí iniciaranse as obras", dixo Pastor.


POWERED BY BIGPRESS