Acostumados como estamos ás loitas de poder na clase política, sorprende a situación contraria. Trala dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, lastrado polas súas imputacións, o sillón de mando do PSdeG está baleiro, pero ninguén parece ter presa por tomar o timón do partido.
Pola contra, non paran de aparecer novos autodescartes. Un dos referentes históricos dos socialistas galegos, o exministro José Blanco, xa deixou claro que está cómodo no parlamento europeo e que non entra nos seus plans optar á Xunta de Galicia. Tamén se autodescartou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
E este luns únense á lista a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación desta provincia, Darío Campos. No caso da alcaldesa, próxima a Besteiro, o motivo é o "compromiso claro cos lucenses e coa cidade de Lugo para os próximos catro anos". Asegura que a persoa que se vexa "con ganas e forza" debe ser a que debe dar un paso adiante neste momento.
Requisitos que non cumple Darío Campos, que repetiu os mesmos argumentos que o seu homólogo da Coruña. "Como di Valentín, quero seguir casado e paréceme que non entra nas miñas opcións. Estou colmado politicamente, non teño ambición de aspirar a máis e eu descártome, iso podedes telo claro", afirmou.
O único sobre o que polo de agora se pode seguir especulando é o exministro José Caamaño, que sí podería converterse no próximo referente do PSdeG; pese a que recentemente parecera querer dar un paso adiante no ámbito privado fichando por un bufete de avogados.