As contas de Santiago mantivéronse no aire ata o último momento. O PSdeG e o BNG agocharon as súas cartas ata o propio pleno de aprobación de orzamentos, pero finalmente decidiron absterse permitindo que Martiño Noriega (Compostela Aberta) saque adiante os seus orzamentos, convertendo a Santiago na primeira cidade gobernada polas mareas que consegue aprobar as súas contas.
Tanto socialistas como nacionalistas responderon á petición de "responsabilidade" lanzada por Noriega. Pero fixérono con reservas, os voceiros Paco Reyes e Rubén Cela amosáronse críticos coas contas, advertindo que non sa facían "corresponsables" do que se fixese con elas. O alcalde de Santiago respondeu asegurando que Compostela Aberta se faría cargo da "tutela" e aplicación das contas.
Pola súa banda, o PPdG votou en contra, asegurando que non eran "os orzamentos que necesita Santiago de Compostela". O voceiro popular Agustín Hernández falou de "uns orzamentos decepcionantes", espetándolle ao alcalde que a súa presenza no concello aínda non se notou "en nada, de nada, de nada".