Galicia é unha das zonas do mundo con maior potencial para produción de enerxía mariña e a súa situación privilexiada, a boa accesibilidade, a proximidade dos puntos de consumo e a forza do mar sitúana como potencial líder na xeración da enerxía undimotriz, producida polas ondas do mar. Para desenvolver este sector, avaliar a súa eficiencia e analizar o impacto ambiental, a Unión Europea vén de seleccionar o proxecto vigués LifeDemoWave dentro da convocatoria Life 2014. A iniciativa está impulsada por un consorcio do que forman parte a Universidade de Vigo, dúas das súas spin-off (Quantum Innovative e Hércules Control), o Cetmar e as empresas ACSM e Grupo Josmar. Cun orzamento de 1.836.000 millóns de euros, dos que a UE achega a fondo perdido o 60% (1.034.000 euros) e unha duración de tres anos, centrarase na “demostración da viabilidade do uso de enerxía das ondas para a xeración eléctrica en zonas de alta densidade de enerxía”, como explicaba o coordinador o proxecto comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán, na presentación pública que tivo lugar este mércores no campus de Vigo. 


Vilán destaca o labor previo neste eido desenvolvido polos tres grupos da Universidade de Vigo implicados, CIMA e en.e, ambos da Escola de Enxeñería Industrial, e GPI-RV, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e polas dúas spin-off xurdidas ao abeiro destes grupos. “O proxecto nace da Universidade de Vigo e nela foi onde se xestaron as dúas patentes nas que se basea LifeDemoWave”, que consisten en dous prototipos de xeración undimotriz que se instalarán nas costas galegas para avaliar a viabilidade do uso deste tipo tecnoloxías. Isto responde a unha das principais características da convocatoria Life, que busca proxectos de carácter eminentemente demostrativo que acheguen resultados escalables e exportables a calquera outro lugar de Europa. Neste sentido, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, subliñaba a importancia deste proxecto, xa que os resultados destas iniciativas marcan as futuras políticas europeas no eido ambiental e de loita contra o cambio climático. Mato tamén fixo fincapé nas características óptimas de Galicia para desenvolver un proxecto deste tipo, xa que é a rexión de Europa, xunto co sur de Gales, “onde máis potencia eléctrica se pode extraer do mar”. Lembrou tamén que a enerxía undimotriz “é a que mellor acompaña o movemento natural do mar, busca aproveitar a cinética nas tres direccións nas que se moven as ondas e, polo tanto, está na liña da mitigación do cambio climático e do respecto á contorna mariña"


Dous prototipos en Punta Langosteira

Debido ao carácter demostrativo do proxecto, instalaranse dous prototipos de xeración undimotriz de 25 kW cada un (un hidráulico e outro mecánico), previsiblemente na zona de experimentación de Punta Langosteira. Os xeradores estarán en funcionamento dentro de dous anos, xa que a primeira fase do proxecto centrarase no deseño e construción dos mesmos, que responden a dúas patentes da Universidade licenciadas á spin-off Quantum Innovative, que coordina o consorcio. “A potencia dos prototipos é pequena pero a idea é que se poida escalar”, explica Vilán, e os investigadores agardan desenvolver “xeradores comerciais de 20 veces esta potencia, é dicir, duns 500 kW, como mínimo”.


Ao longo de tres anos os membros do consorcio tratarán de demostrar a capacidade técnica e supervivencia destes dous prototipos en condicións extremas, tendo en conta que "os temporais de mar nas costas galegas son de condicións moi adversas e calquera equipo mecánico sofre condicións moi esixentes, demostrando así a robustez ante condicións de mar de temporal ata BEAUFORT 8"

, explica José Antonio Vilám. Tratarán tamén de avaliar a eficiencia enerxética, a calidade eléctrica e o alto ratio de aproveitamento dos prototipos, ao tempo que se cuantificará a redución da pegada de carbono e de emisións en todo o ciclo para comparar con outras tecnoloxías. Paralelamente avaliarase a capacidade de xeración destes sistemas fronte a outras solucións dende un campo socio-económico, achegándose ao principais stakeholders que poidan estar interesados e cuantificarase e minimizarse o impacto medioambiental no ecosistema nas áreas de demostración, algo moi importante a nivel ecolóxico, como subliñaba Vilán.

En canto aos resultados agardados polos investigadores, destacan que o máis importante sería a posible redución de emisións de CO2, da orde de 49 toneladas ao ano. En canto á viabilidade socioeconómica, esperan acadar 200.000 kWh cos dous prototipos, estando un mínimo de 300 días operativos ao ano. O custe da enerxía producida polo prototipo será 7,65 céntimos de euro/kWh e, "tendo en conta que o prezo actual do kW/h en España, que é un dos países máis caros de Europa, é de 19 céntimos, pódese observar a rendibilidade e eficacia deste tipo de xeración de enerxía, incluso para o uso industrial”, remarcan os investigadores. Por outra banda, a través de indicadores analizarase o estado ambiental do medio mariño e as augas costeiras, analizando os contaminantes da auga, os niveis de ruído e a atenuación da onda que poidan provocar os prototipos. 


Entre o Campus do Mar e o INEX

Salustiano Mato puxo en valor este proxecto no marco da especialización do campus de Vigo, tanto no referente ao Campus do Mar como á Agrupación Estratéxica Industria e Enerxía, Inex, que está en proceso de constitución. Remarcou tamén que representa un exemplo de cooperación entre grupos de investigación, spin-off e o tecido empresarial e os centros tecnolóxicos axudando a trasladar á sociedade os resultados da investigación universitaria, o que segundo Mato "permitiranos á “seguir sendo unha Universidade do século XXI e anticiparnos ao XXII”.

España, á cabeza do sub-programa Climate Action projects

A convocatoria Life é o instrumento financeiro da UE para apoiar proxectos ambientais de conservación da natureza e de acción climática, e dende 1992 cofinanciou arredor de 4300 proxectos. A convocatoria Life comprende dous subprogramas, o de Medio Ambiente, no que se presentaron en 2014 1117 solicitudes, e o de Acción Climática, no que se encadra LifeDemoWave. A este subprograma concorreron 189 solicitudes, cunha taxa de éxito do 13,7%, xa que finalmente foron seleccionados 26 proxectos de 11 países, seis deles españois, que recibirán un total de 73,9 millóns de euros. De feito, España é o país que máis financiamento acadou nesta convocatoria, como destacaba Vilán, con 16 millóns de euros, un 21% do total deste subprograma. 

POWERED BY BIGPRESS