A segunda edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2016 vén de abrir o prazo de presentación das súas candidaturas, que ficará operativo até o 30 de xuño. Desta volta, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta engaden unha terceira categoría no certame, o que eleva a 28.000 euros a contía total dos galardóns.
Cómpre informar que se premiará o mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e os mellores casos de éxito empresariais de transferencia de tecnoloxía. Ao premio xa convocado o ano pasado para PEME (Pequenas e Medianas Empresas) súmase este ano o que se lle concederá a unha gran empresa.
A primeira modalidade dos premios está encamiñada a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación situados en Galicia. Seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascende a 6.000 euros, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estadía de dous a tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.
As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito máis representativos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. A primeira delas vai dirixida ás PEME galegas (incluíndo as microPEME) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto cun ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascenderá a 12.000 euros.
No caso das grandes empresas, o premio atenderá aos mesmos criterios que se valorarán nas PEME, coa diferenza de que o premio para a empresa terá carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.