Os médicos do Hospital Álvaro Cunqueiro non son alleos ás carencias do centro. De feito, levan meses organizando protestas, denunciando abertamente a falta de medios técnicos e humanos e difundindo a situación mediante carteis e mensaxes nas redes sociais.


Pero a franqueza dos médicos esgotou a paciencia do xerente do hospital, Félix Ruibal, que decidiu recorrer ao vello método da censura. A través dunha carta interna, pide a "retirada inmediata" dos carteis que critican a asistencia sanitaria do hospital, advertindo que os empregados públicos que os difundan poden "incorrer en responsabilidade administrativa".


O xerente do hospital considera que as mensaxes, expostas en lugares "non autorizados", inducen claramente a "terror, alarma e desconfianza" sobre a asistencia sanitaria que se presta no centro, podendo vulnerar "o dereito da debida protección da saúde".


Acaba de fixarse unha concentración contra a actitude do xerente, que terá lugar este mércores ás 11:00 no propio Cunqueiro e no Meixoeiro ás 13:00. Recentemente, médicos do HAC xa pediran a dimisión de Ruibal criticando a súa actitude prepotente. 


POWERED BY BIGPRESS