A Real Academia Galega escolleu á escritora Marilar Aleixandre para cubrir a vacante do académico Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de Novembro, mediante unha proposta que se sometará a votación no vindeiro pleno da institución.


Cando se produza esta votación Marilar Aleixandre converterase na sexta muller con asento na Real Academia Galega, unindo a súa voz a de Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Xohana Torres, Luz Pozo Garza e Fina Casalderrey.


A RAG considerou axeitado ofrecerlle o posto de Neira Vilas a unha escritora con obras traducidas ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, recollida en antoloxías en inglés e que recibiu unha morea de premios tanto por obras de poesía, como por narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil.


Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.  

POWERED BY BIGPRESS