Acaba de coñecerse o resultado do II Certame Literario 'Relatos de auga intelixente', convocado por ViAQUA, que premia con Ipads e libros electrónicos aos escolares galegos que mellor entendan a importancia do uso responsable e do coidado do medio ambiente, así como o concepto de cidade intelixente.
Nesta segunda edición do certame recibíronse preto do dobre de traballos, máis de 300 microrrelatos entre as categorías de ESO e Bacharelato/FP.
Na primeira categoría resultaron vencedores dous escolares ourensanos. O primeiro premio foi para o microrrelato "Mensaxe dunha gota de auga", de Marieta Lage Rodríguez (Colexio Santa Teresa de Jesús) e o segundo para "¿Mirástedes algunha vez?, de Iker Nogueiras (Colegio Padre Feijóo Zorelle).
No caso da categoría de Bacharelato/FP o primeiro premio foi para Santiago, recaendo sobre Inés Saá (Colexio La Salle) por "Pensamentos Etéreos" e o segundo para Poio, sendo a gañadora Chiara Ianelli (Colexio Internacional SEK Atlántico) polo microrrelato titulado "Inconcebible".
En ambas categorías os primeiros clasificados recibirán un Ipad Mini e os segundos un eBook, que serán entregados nos municipios dos premiados en datas próximas á celebración do Día Mundial da Auga.
Tamén se concederá un recoñecemento para o Colexio ourensano Divina Pastora, por ser o centro donde máis traballos se presentaron.