Miles de persoas, 30.000 segundo a organización, tomaron este sábado as rúas de Santiago, esixindo un "cambio de rumbo" nas políticas do Partido popular para o sector do mar, que avocan a un "escuro futuro".
"Isto é unha mostra de unidade do sector do mar no seu defensa, unha mostra de como unidos podemos conseguir moitas cousas e, proba diso, é a retirada do Proxecto de Lei de Acuicultura, que conseguimos grazas á nosa unión", explicou en declaracións aos medios o presidente da Federación Galega de Cofrarías, Tomás Fajardo.
A marcha, que partiu minutos antes das 12,00 horas da Alameda compostelá acompañada por unha intensa saraiba, contou coa presenza de representantes políticos da oposición como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o portavoz parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; ou os seis deputados de En Marea no Congreso.
Ademais de reclamar solucións para "problemas" como o das cotas de pesca ou o saneamento das rías, os participantes pediron a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, á que acusan de "non contar co sector" para levar a cabo as políticas.
A OPOSICIÓN RESPALDA A CONCENTRACIÓN
Representantes do PSdeG, AGE, En Marea e o BNG cargaron contra "o deixamento e o abandono" do Partido Popular e a Xunta co mar, actitude que leva "aos barcos ao despezamento" e aos traballadores "á miseria".
Momentos antes de comezase a manifestación convocada polo sector do mar en Santiago, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, asegurou aos medios que a deste sábado é "o resumo" das protestas contra a política feita polo PP e cuxo resultado é que hai "4.500 cotizantes menos no mundo do mar" que fai sete anos.
"A escasa preocupación; a falta de exercicio de competencias por parte do PP; o pouco peso político para defender os intereses do mundo da pesca, especialmente da pesca artesanal e o marisqueo; a escasa defensa de sectores como o do cerco e o volante" son algunhas das cuestións que describen a actitude do Partido Popular co mar segundo o líder do PSdeG.
Pola súa banda, o portavoz de AGE no Parlamento, Xosé Manuel Beiras, considerou que esta manifestación responde a "un novo episodio da campaña que leva a cabo a brigada de demolición e exterminio instalada na Xunta"."A súa estratéxica é moi simple, é acabar con todo o que constitúe a forma material da existencia da Galicia máis popular", denunciou Berias, que acusou ao Partido Popular de querer "converter" Galicia no "deserto galego".
"Dado o espectáculo que estamos a ver a nivel estatal, dámosnos/dámonos conta de que o Estado non é un Estado, é un cortello, e de que a Xunta está ao servizo daqueles que queren facer o caldo gordo cos intereses e dereitos da xente deste país", asegurou.
Por último, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, subliñou que a deste sábado é "unha mobilización" de todo o sector "non só contra o Anteproxecto de Lei de Acuicultura" senón tamén contra "o abandono e o deixamento do PP co sector pesqueiro".
"As políticas do PP están a levar ao abandono do sector, ao despezamento de barcos e á miseria dos nosos mariñeiros", denunciou o dirixente nacionalista antes de sinalar que esta protesta é "un clamor da cidadanía e do sector" que pide "unhas políticas que permitan pescar, que non acepten as cotas que impón a Unión Europea nin a distribución inxusta do Estado español".