A mensaxe SOS urxente que lanzaron os gandeiros xunto á oposición non pasou desapercibido. Un día despois, a Xunta convocou a primeira reunión do plan de fortalecemento do sector lácteo, na que se sentará o vindeiro mércores xunto a productores, industria e distribución. O obxectivo é adoptar medidas para solucionar o problema dos baixos prezos do leite e sentar as bases dunha estratexia de futuro que faga posible a reorganización e fortalecemento do sistema lácteo.
No recén creado grupo de traballo integraranse representantes da Xunta, industria, distribución, cooperativas, organizacións agrarias, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal), o Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), universidades e comunidade científica.
A convocatoria desta reunión chega xusto despois de que todos os grupos da oposición rexistrasen unha petición na Cámara galega para reclamar a apertura dunha comisión especial non permanente para o estudo da situación "crítica" do sector lácteo co fin de levar a cabo un paquete de medidas "urxentes" para salvar ás explotacións.
Con tal motivo, a plataforma en defensa do sector lácteo criticou que a Consellería do Medio Rural "leva falando meses" dun plan de fortalecemento do sector "do que non se ten nin unha liña".