Despois de varios anos dándolle voltas ao proxecto, por fin se desbloquea a posta en marcha dun centro de avións non tripulados no aeródromo de Rozas, ubicado na provincia de Lugo, máis concretamente no concello de Castro de Rei. A Xunta asociarase coa empresa australiana Inaer e coa española Indra, no que Feijóo considera como o “proxecto estratéxico máis importante que se fixo en Lugo nas últimas décadas”, que creará 600 postos de traballo.
O proxecto suporá un investimento total de 115 millóns de euros, dos cales 40 corresponderán á Xunta. Trátase dun 60% máis do que tiña pensado investir o executivo autonómico, pero o presidente da Xunta xustifica esta aumento porque “conseguimos 75 millóns” de investimento privado por parte das empresas adxudicatarias, escollidas de entre un total de 9 proxectos presentados.
Tanto Inaer, empresa líder a nivel mundial, como Indra, referencia española nas novas tecnoloxías, comprométense a situar en Galicia todos os seus centros actuais e futuros de desenvolvemento e producción de avións non tripulados.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, salientou a “complementariedade” das dúas empresas seleccionadas, que prevén producir e comercializar productos moi diferentes. Deste xeito, Inaer pretende desenvolver en Galicia o pioneiro helicóptero non tripulado ‘lumes’. Indra, pola súa banda, traballará sobre o seu modelo de avión tripulado ‘Targus’, intentando producir unha versión que non precise de piloto. Ademais, ambas empresas traballarán para crear un vehículo mariño non tripulado.
Deste xeito, preténdese integrar toda a cadena de valor en Galicia, dende o desenvolvemento tecnolóxico ata a comercialización final dos productos. Neste senso, o conselleiro salientou a capacidade das empresas seleccionadas para distribuir os productos, no mercado anglosaxón no caso de Inaer e no mercado latinoamericano no caso de Indra.
O plan contará con contratos asociados para 18 empresas, das cales 14 son galegas. No caso das 4 restantes, deberán trasladarse dende Madrid a Galicia. Tamén se implicarán 14 centros de coñecemento da nosa comunidade, entre as que se atopan as tres universidades.