Houbo foto e ata discursos de matiz patriótico. PSOE e Ciudadanos “atrevéronse " a asinar un acordo "contra natura" ao que non lle concederon credibilidade nin os seus medios afíns. É coma se os Señores Sánchez e Rivera quixeran dicirnos a todos os que non damos un euro polo futuro deste pacto aquilo tan manido de: Centrémonos! Ou sexa, deixémonos de ideoloxías, de siglas e sobre todo de personalismos e poñamos cada un o que nos sexa posible para convivir nun novo "hábitat político" no que todos somos de centro desde o que poderemos sacar ao país do marasmo no que se atopa, acabando co paro, a corrupción e sobre todo os privilexios daqueles aos que só pode xulgar o "Tribunal Supremo" e que, ante a pobreza infantil ou a inxustiza social móstranse torpes e reticentes porque así o di a biblia dos homes de negro.
A día de hoxe, ninguén sabe como vai acabar a cousa, pero o certo é que a ambos os dous políticos hai que agradecerlles o "impulso xeracional" que acaban de darlle á política española que deixou á esquerda pseudo-leninista que representa Podemos co seu documento-ameaza entre as mans, e á dereita silente que representan os inmovilistas do PP con "o entredito" entre as pernas e a punto que apareza outro Óscar Alzaga amparado polo IBEX e se lles pase con trinta ou corenta deputados electos á bancada de Cidadáns, como xa sucedeu na época de Adolfo Suárez, facendo posible daquela o que hoxe é o actual Partido Popular, ¿ lembrarán esta parte da nosa historia recente os dirixentes da rúa Génova? Quererán lembrala?
Isto anímase, e aínda que o Profeta Rajoyías acerte co seu vaticino de inevitables eleccións en xuño, estas xa non van ter o mesmo substrato social co que se convocaron as que deron lugar a esta lexislatura, xa que aínda que Sánchez non sexa Presidente en marzo, este poderá dirixirse con "argumentos sensibles" ás bases de Podemos que antes tamén eran as súas, non o esquezamos, para pedirlle o voto útil e de centro para poder gobernar en coalición con quen, Cidadáns, á súa vez voarán ao niño do cuco popular para reclamar como seu ese nicho de votos, xa que os seus dirixentes demostraron ser uns corruptos de tomo e lombo e enganaron a ese electorado fuxitivo da antiga UCD.
Se se produce "ese corremento de votos" cara ao centro,¿quen garante ao PP que vai ter cento vinte e tres deputados ou a Podemos que chegará aos sesenta que agora goza? Admítense apostas. Pero, de momento a mensaxe está clara: Centrémonos!