A Xunta resístese a deixar morrer o concurso eólico. A semana pasada coñecíamos unha sentenza do TSXG que respalda a demanda de Capital Energy, un dos principais perxudicados no reparto de megavatios, forzando a un probable reinicio do proceso de adxudicación. Pero dende a administración autonómica recurren a outras sentenzas e ao seu recurso ante o Tribunal Supremo para reivindicar a validez do concurso. 


Este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou no parlamento que "o 84% do concurso eólico segue adiante". Asegura que dos 21 recursos interpostos "17 déronnos a razón e 3 aínda están pendentes". Tendo en conta que gañaron "todas as sentenzas en firme", non sinte que este sexa o fin do concurso eólico. 


Unha postura completamente oposta foi a que amosaron dende as bancadas dos socialistas. O voceiro do PSdeG, Xosé Luis Méndez Romeu, asegurou ante Feijóo que o único que queda do concurso eólico é "engano, frustración e oportunidades perdidas". Asegura que non existe ningunha instalación nova, e lamenta a perda de "6000 millóns de inversión e 13000 empregos comprometidos". 


O RECURSO ANTE O SUPREMO


Nada máis coñecerse a sentencia do TSXG, a Xunta anunciou que recorrería ante o Supremo, xa que atopaban contradiccións "con outros fallos do tribunal" que avalaron o proceso levado a cabo. 


Por iso acudirán ao TS "en casación" para intentar "clarificar esa situación", "garantindo a seguridade xurídica" aos adxudicatarios para "seguir traballando" nesa "aposta cara o futuro".


O conselleiro de Economía, Francisco Conde, rexeitou que a sentenza abrira unha situación de inseguridade sobre o proceso, xa que entende que só "un dos 14 criterios" que se aplicaron no concurso "non está motivado", mentres que outras sentencias ratificaron a "validez de todos os criterios" a a "total imparcialidade" da Xunta na súa valoración. 



POWERED BY BIGPRESS