A sintonía entre Ciudadanos e PSOE parece ampliarse, o acordo parece cada vez máis cerca, pero aínda quedan "escollos importantes" que os separan. O líder de Ciudadanos, Albert Rivera, pídelle a Pedro Sánchez "un último esforzo", condicionando calquera pacto a unha reforma express da constitución que introduciría 5 cambios fundamentais para acadar unha "rexeneración democrática".
Así o puxo de manifesto Rivera en rolda de prensa despois de que este luns mantivese no Congreso un encontro co secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ao mesmo tempo que os socialistas participaban na reunión 'a catro' con Podemos, Compromís e Esquerda Unida-Unidade Popular.
A reforma express da Constitución proposta por Albert Rivera introduciría 5 reformas que consideran fundamentais. Piden que se supriman os aforados, que se rebaixe de 500.000 a 250.000 o número de firmas para a presentación das Iniciativas Lexislativas Populares (ILP), que se despolitice a xustiza, modificando o método de elección dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, que se limite a oito anos o mandato dos presidentes do Goberno e que se eliminen as Deputacións provinciais, un punto, este último, en torno ao que o partido de Rivera xa chegara a un consenso cos socialistas.
Rivera dixo que o documento que ambos os partidos están a negociar ten a intención de lograr un Goberno limpo de corrupción, sensato e reformista, que se conteña cos e que crea na unión e a igualdade de todos os españois. O líder de Cidadáns insistiu en que sen estas bases non haberá acordo de Goberno