Anxo Lorenzo presenta en rolda de prensa a programación 2016 do CGAC


A axenda expositiva do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) contará este ano con seis mostras individuais e colectivas de artistas galegos, nacionais e internacionais. A nova programación anual, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director do centro, Santiago Olmo, complétase cun conxunto de actividades multidisciplinares para lles achegar a arte e a cultura contemporáneas a todos os públicos, a través de visitas guiadas, cursos, obradoiros, xornadas, e ciclos de cine e de música.


Ademais de incidir na “procura de sinerxías con outras institucións”, con exposicións que se levarán a cabo de forma conxunta con organismos como o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, e con entidades como o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo de Sevilla e a Fundación Luis Seoane da Coruña, Anxo Lorenzo, destacou a realidade artística e cultural galega como punto de chegada e de partida dunha programación que, ao mesmo tempo, dialoga con artistas do resto do Estado e do ámbito internacional.


A obra de Antoni Socias será a encargada de abrir a axenda expositiva de 2016 coa mostra ‘Teoría e práctica do deserto’, que fará un percorrido polos procesos que atravesan o traballo do artista vinculando a ficción fotográfica e a pintura co obxecto, a instalación e o vídeo. Comisariada por Santiago Olmo, a exposición abrirá o novo programa expositivo do CGAC o próximo 31 de marzo e desenvolverase ata o 26 de xuño.


Un percorrido pola traxectoria de Marisa González


O proxecto ‘Marisa González. Registros domesticados’, en coordinación co Ministerio de Educación, Cultura e Deporta, amosará as motivacións temáticas, técnicas e formais ao longo de 45 anos de traxectoria da artista, nas que reivindica a memoria colectiva dos procesos laborais e de produción fabril, ou a cuestión das desigualdades políticas, económicas, produtivas e laborais que se testemuñan nos rexistros da vida cotiá no emerxente sueste asiático. Comisariado por Rocío de la Villa, a expposición poderá visitarse do 15 de abril ao 19 xuño.


A mostra colectiva ‘Agrupar_Desagrupar: rupturas da representación’, do 22 de abril ao 3 de xullo, estará comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e contará coa participación de seis destacados artistas galegos de diferente procedencia académica e cos máis diversos horizontes estéticos e conceptuais: Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente e María Ruido. Os seus traballos sitúanse entre o despuntar de Atlántica e o xurdir da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.


Os fondos do CGAC, en diálogo con outras coleccións


A segunda parte do ano terá como protagonista unha ambiciosa mostra con fondos de coleccións públicas e privadas de ámbito estatal que se inaugurará o 15 xullo e poderá visitarse ata outubro. A proposta, comisariada polo director do CGAC, ten como obxectivo facer unha revisión dos fondos da Colección CGAC trazando liñas de problemáticas actuais en diálogo con obras doutras coleccións institucionais e privadas, como a colección Fundación RAC. Dentro deste programa presentarase o conxunto de obras da artista Louise Bourgeois que pertencen ao Centro Andaluz de Arte Contemporáneo de Sevilla (CAAC).


Do 28 de outubro e ata o 12 de febreiro, Alicia Murría asumirá o comisariado dunha exposición retrospectiva dedicada á artista austríaca Eva Lootz, focalizada na obra realizada pola autora nos anos setenta e oitenta, e que tivo un grande impacto nas xeracións posteriores de artistas españois.


A derradeira exposición do ano centrarase no universo creativo da artista galega Berta Cáccamo en colaboración coa Fundación Luis Seoane, que recollerá unha intervención no seu espazo. Esta colaboración entre as dúas institucións continuará nos vindeiros anos poñendo o punto de mira en artistas galegos cunha carreira consolidada pero non rematada. A mostra estará comisariada por David Barro e Santiago Olmo, directores de ambas as dúas institucións, e poderá visitarse do 4 de novembro ao 15 de xaneiro de 2017.


Actividades de difusión e formación


“As propostas expositivas acompañaranse dun completo programa de actividades de difusión e de formación, que permitan interactuar cos diferentes públicos e fidelizalos, así como captar e formar os públicos do futuro”, explicou Anxo Lorenzo, quen tamén puxo en valor “o carácter multidisciplinar das iniciativas, a aposta por abordar proxectos educativos que favorezan a comprensión e o achegamento á arte e á cultura contemporáneas, así como actividades que reforcen o papel de centro como espazo para a reflexión e o debate, e para a difusión de novos modelos de educación e divulgación da arte”.


Por unha banda, desenvolveranse as actividades que forman parte da programación estable do CGAC, como as visitas guiadas ás exposicións, previa cita, para todos os públicos; as visitas-taller para centros educativos, os obradoiros en tempo de lecer impartidos por profesionais de diferentes ámbitos da cultura e da educación dirixidos a todas as idades, e os talleres de artista destinados ao público especializado, dirixidos esta ano por Antoni Socías, Eva Lootz e Claudio Zulian, quen compartirán cos asistentes os seus procesos creativos, xunto con propostas específicas para conmemorar o Día dos Museos, o 18 de maio, que se desenvolverán baixo o lema ‘Museos e paisaxes culturais.


O cine e a música volverán ter unha destacada presenza en 2016, con iniciativas como o ciclo ‘Cine de verán no CGAC’, con proxeccións de películas en versión orixinal subtitulada ao aire libre no parque de Bonaval, e o curso de cine ‘A orixe do século XXI. Transformación da imaxe e do cinema contemporáneo (1990- 2010)’, que no segundo bloque do ano continuará o percorrido polo mundo da imaxe e do cine das últimas dúas décadas. Entre maio e decembro desenvolverase a sexta edición do ciclo ‘Música e arte. Correspondencias sonoras’, no que diversos compositores do ámbito internacional crearán pezas sonoras a partir das exposicións programadas no CGAC durante o ano; e no mes de outubro chegará a quinta edición das ‘Xornadas de música contemporánea’, que teñen como obxectivo fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación no ámbito musical.


Tamén se lles dará continuidade ás habituais colaboracións co encontro cultural alternativo e de vangarda WOSINC, agora na súa terceira edición (setembro); co Festival Internacional de Cine Curtocircuíto (outubro), co Festival Internacional de cine Cineuropa (novembro), que chega á súa trixésima edición; e cunha nova edición das xornadas de difusión científica e cultural Nerd Nites, en colaboración coa USC, durante o curso académico.


Espazos para a reflexión e o debate


Por outra banda, o CGAC programa novas actividades de diversas disciplinas, como os obradoiros de fin de semana ‘Mies é +’ (febreiro-xuño), sobre arquitectura contemporánea, destinados ao público infantil co fin de proporcionar as claves necesarias para interpretar a arquitectura contemporánea mediante o legado das figuras máis relevantes do noso tempo; as xornadas ‘Non hai museo sen debate’ (marzo-setembro), nas que críticos, artistas e representantes de institucións galegas e nacionais debaterán e analizarán o panorama artístico actual galego e nacional; ou o ‘Curso sobre arte contemporánea nos séculos XX- XXI’, (2016) en colaboración coa Fundación Luis Seoane, que fará un percorrido polas diversas tendencias artísticas en Galicia desde principios do século XX ata a actualidade.


O curso ‘Encontro entre fotógrafas iranís e españolas’ (marzo), no que se poñerán en común os seus traballos desde unha perspectiva cultural e artística; as ‘Xornadas sobre educación e museos’ (abril), en colaboración co Instituto de Arte Contemporáneo (IAC), co MARCO de Vigo e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que tratarán sobre o papel do museo como educador e complemento da educación académica; o curso ‘Itinerarios da ficción televisiva’ (outubro-novembro), que analizará a natureza do texto televisivo e os códigos específicos da súa linguaxe; e por último, un ciclo de cine dirixido polo Cineclube de Compostela, que poñerá o seu interese no cine sobre artistas ou realizado por artistas contemporáneos, completan as novas propostas para este ano.


Ao igual que as exposicións, “o programa de actividades do CGAC afonda na colaboración con organizacións educativas e sociais, e diversas institucións”, afirmou Anxo Lorenzo, como as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, o Concello de Santiago, o Instituto de Arte Contemporáneo (IAC), o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM), a Fundación Luis Seoane, o MARCO de Vigo, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e o Museo Pedagóxico de Galicia, da Consellería de Cultura e Educación, o Museo da Catredral de Santiago, a Fundación Granell e o Cineclube de Compostela.

POWERED BY BIGPRESS