Durante a madrugada deste xoves, unha patrulla da Garda Civil fixouse en que a entrada da Igrexa de Quintela de Leirado fora forzada. Non tiveron que investigar moito para atopar un vehículo aberto e coas chaves postas no contacto.
Os axentes iniciaron unha busca polos arredores, encontrando a dous sospeitosos en torno ás catro e media da madrugada, que aseguraron que se atopaban na zona buscando unha fonte.
Unha vez identificados, a Garda Civil decatouse de que levaban enriba diñeiro e xoias supostamente procedentes da igrexa, así como varias ferramentas utilizadas para forzar a porta da Igrexa.
Os axentes procederon a deter a estes dous homes, un veciño de Ourense e o outro de orixe rumana. Sospeitan que son os autores dun total de 26 delitos de roubo con forza, 20 en igrexas e outros 6 en vivendas, todos nas provincias de Lugo e Ourense.