O caso das tres monxas de orixe india supostamente retidas en Santiago parece ter chegado ata o Vaticano. O propio Papa Francisco realizou unhas declaracións que, sen mencionar directamente o caso galego, parecen demasiado oportunas para tratarse dunha simple casualidade.
En concreto, o pontífice alerta contra a "inseminación artificial" de vocacións, facendo referencia aos conventos nos que se importan relixiosas estranxeiras con intereses espúreos.
Durante un encontro con monxas e frailes no Vaticano, Francisco recoñeceu observar con preocupación o descenso de vocacións, mencionando expresamente o caso de España. Falou de "grandes monasterios" nos que tan só quedan "catro ou cinco monxas velliñas", unha descripción que se axusta perfectamente ao Convento das Mercedarias de Santiago.
Francisco admite que nestas congregacións pode xurdir a tentación de traer relixiosas xóvenes: "pensan na vellez, que non falte esto, que non falte o outro...". Pero chama a non traer relixiosas de fóra a todo costa, algo que pode traer problemas. Pide "discernir" se se trata de verdadeiras vocacións, e non intentar aumentar o proceso natural por métodos diferentes ao de "rezar con intensidade".
PENDENTES DO XULGADO
Neste momento, o caso das monxas supostamente retidas en Santiago está pendente da actuación do xulgado responsable, que debe decidir se abre dilixencias adicionais como podería ser pedir a declaración da nai superiora.
Unha vez aclarado este punto, a Fiscalía deberá decidir se ten "indicios" suficientes para persoarse no caso, xa que as relixiosas non presentaron denuncia.